A nena e o grilo |
Magín Blanco & Iván Prieto 20 € | 978-84-9871-259-9 libro + CD | 64 páxs. | cartoné | 13x19 cm | xaneiro 2010 |
Estas cancións aloumiñan os oídos, pero tamén contan historias. Falan dun país onde as portas sempre están abertas e ninguén se sente estranxeiro. Alí viven unha nena azul e mais un grilo que, para escapar do aburrimento, inventan mil pasatempos. A nena e o grilo é o novo libro-CD que agora ve a luz dentro da colección máis musical de OQO editora, Q son. Un mosaico de textos, cancións e debuxos conforman este volume no que o coñecido compositor Magín Blanco se encarga de encaixar todas as pezas. Mais o músico ourensán non está só, nesta aventura acompáñano as carismáticas e persoalísimas voces de Uxía, Fred Martins, Guadi Galego, Ugia Pedreira… e ata un coro de nenos. Eles poñen a música, e Iván Prieto, as imaxes. O ilustrador galego utiliza unha multitude de recortes con diferentes tonalidades e texturas para as imaxes. A aposta de Prieto pola colaxe débese a que é a técnica que mellor lle acae a esta historia híbrida e heteroxénea. Ademais, decántase por unha estética actual, e sitúa as aventuras dos protagonistas no marco da cidade, onde explota elementos urbanos como a publicidade, ou os carteis. A linguaxe, alén de ser un dos eixos temáticos de A nena e o grilo, goza dun protagonismo especial dentro das páxinas. Unhas veces, Iván Prieto resalta as palabras mediante a tipografía e outras, nun intento por integrar o texto nas ilustracións aproveita certos espazos das imaxes como contedores textuais: unha pinga de auga, o ubre dunha vaca, o tronco dunha árbore… A nena e o grilo é o resultado do labor conxunto de moitas persoas que cren que calquera traballo para os nenos e nenas debe ser tratado con esmero e coidado tanto no apartado das imaxes, coma no musical, os arranxos na produción e na interpretación. Esta atención máxima resulta imprescindible para un proxecto que está pensado para conectar a escola coa vida e adoptar unha actitude crítica e construtiva a prol de valores básicos ―respecto pola natureza, liberdade, solidariedade, afecto, convivencia, identidade, amizade...― . Para iso, precísase un sistema de valores compartidos e de materiais que se poidan integrar dentro dos procesos de aprendizaxe. Dun xeito sinxelo, delicado e sutil, a historia de amizade entre a nena e o grilo descobre dimensións determinantes da existencia e abre horizontes positivos e ilusionados, na construción de nós mesmos e a sociedade. Estamos ante unha obra ambiciosa e cosmopolita que invita a ter fe na vida e nos outros a través dunhas cancións que reparten aloumiños a eito e amosan un mundo inconformista nas letras e unha concepción musical orixinal e esixente para nenos e nenas de todas as idades. Ao mesmo tempo, é un material, para todos os que traballan e apostan por un ensino aberto, innovador e significativo, no marco dos problemas e os cambios sociais que teñen lugar na realidade. En conclusión, un chisquiño de mel neste mundo egoísta e feroz que habitamos. Para fuxir do frío e sentirse moradores no verdadeiro País das Apertas porque as cancións de Magín Blanco son, tanto pola melodía como pola letra, para degustar en familia, nas festas, entre amigos. Texto de Magín Blanco Letra e música de Magín Blanco, Uxía e João Afonso Colaboran: Uxía, Ugia Pedreira, Guadi Galego, Fred Martins, Guillermo Fernández… Produción artística e musical: Uxía |
domingo, 21 de febrero de 2010
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
moi bonita pero unha cousa sonia a nova canción de flauta modelado o algo así ten un si agudo, na parte a no segundo pentagrama a primeira figura e eso non o dimos
ResponderEliminarrafaela
perdon me equivoquei
ResponderEliminar